Conversa sobre a institucionalización das persoas LGBTQIA+
Interveñen: Rosa Rilo, terapeuta ocupacional e Ignacio Igrexas, traballador social
Data: 23 de xullo de 2025 ás 17:00
Lugar: Museo Terra de Xallas-Santa Comba
As persoas e familias ao longo da súa biografía teñen multitude de situacións nas que están en relación directa con institucións de coidado, educación, saúde, etc. As persoas que pertencen ao colectivo LGBTQIA+ están expostas a situacións que poden ser complexas pola inadecuación do funcionamento das organizacións aos seus dereitos sexuais.
Nesta conversa repasaremos as situacións nas que a orientación e a identidade sexual non están previstas ou contempladas correctamente. Buscaremos solucións e estratexias para avanzar na atención das persoas ou familias LGBTQIA+ nos recursos institucionais e abordaremos as vantaxes e desvantaxes dos recursos de atención específicos.
Palestra sobre corpos e disidencias sexuais
Interveñen: June Fernádez, escritora, xornalista e consultora en comunicación, especializada en feminismo e diversidade sexual. Fundadora da revista Píkara Magazine e Mario Brión (Olaxonmario) publicista, creador de contido, remeiro e docente.
Data: 15 de xullo de 2025
Lugar: Concello de Boiro
Mario e June conversan sobre quen define que é un corpo válido ou desexable e como as normas de xénero, raza, capacidade ou tamaño operan sobre os corpos. Abordan cuestións como a hipersexualización e fetichización dos corpos disidentes e reflexionan sobre a sexualidade como ferramenta de control ou sobre como son tratados nos medios os corpos e sexualidades disidentes. En definitiva, o diálogo achéganos ás dinámicas de poder que rodean aos corpos e á sexualidade, tanto na súa normalización como na súa disidencia.
Palestra sobre Medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBIQA+ no ámbito laboral
Relator: Miguel Vieito, avogado experto en asesoramento e acompañamento a persoas do colectivo LGBTIQA+
Data: 26 de xuño de 2025
Lugar: Escolas do Xardín Agra de Caldas na Rúa Desiderio Varela de Carballo
Miguel Vieito ofrécenos unha visión xurídica sobre as medidas de protección contra a discriminación laboral por motivos de orientación ou identidade sexual, facendo especial referencia á Lei de igualdade de trato e á Lei Trans. Destaca que estas leis establecen mecanismos importantes para combater a discriminación, así como interesantes accións de fomento do emprego, medidas que teñen o potencial de mellorar significativamente a inclusión laboral do colectivo, pero que precisamos sexan implementadas para que poidan ter un impacto real.