‘Correr é cantar’, unha xornada sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional e o rural galegos
Trátase do acto central do Orgullo da Deputación da Coruña, un evento que forma parte do proxecto “Rural e tradición, un fogar en igualdade” que buscar visibilizar ao colectivo LGBTIQA+ na música tradicional e o rural galego.
O vindeiro 17 de xuño terá lugar a xornada Correr e Cantar encadrada dentro do proxecto Rural e tradición, un fogar en igualdade do comisario Sergio Marey co cal busca amosar a realidade do colectivo LGBTIQA+ nas nosas aldeas e na nosa cultura.
A xornada comprenderá diferentes actividades. Charlas, mesas redondas, concertos, unha contada... Abriráse cunha presentación e a charla Bergantiños con ollada diversa para falar dos resultados dunha recollida feita polo comisario xunto a Atenea García. Ambos traballaron na zona de Bergatiños para coñecer a realidade do colectivo nesta zona da provincia coruñesa. Alí escoitaron, falaron, recorreron vilas e aldeas, investigaron... para tratar de recoller toda a información posibel de persoas disidentes de antes e de agora. Neste inicio da xornada amosarannos as reflexións ás que chegaron e contarannos todo o que atoparon.
O día continuará cunha mesa redonda, Creación contemporánea dende a tradición, moderada por Mercedes Peón e que contará con artista como Berto, Meiga-i, Eva Outeiro de Toma a Terra, Gabi Reboredo, O Rabelo e Olalla Liñares de Oîma. A tarde comezará do mesmo xeito, cunha mesa redonda, A muiñeira, unha bandeira LGBTIQA+, moderada por Diego Salgueiro (integrante do Orgullo Crítico de Nigrán, bailador e tocador) que contará con diferentes persoas do colectivo vinculadas á música tradicional e o rural que nos falaran da súa experiencia e realidade como persoas LGBTIQA+ nestes ámbitos. A continuación contaremos cunha contada para adultos de Atenea García, titulada Vicio houbo sempre, á que seguirá Noemi Basanta, integrante das Adufeiras de Salitre e Doutora en Filoloxía Galega, falándonos das ideoloxías e posicionamentos de xénero no baile e a música tradicionais galegas. O broche final desta xornada será a actuación das Tocadoras da A.C. Raigañas de Cerqueda, que cantarán coplas de temática LGBTIQA+ dun libro que sairá máis adiante deste proxecto, e serán as encargadas de abrir a foliada que concluirá o día e celebrará a nosa liberdade.